Coruña Marítima agradece aos cidadáns a súa participación con suxestións para o futuro do porto e da cidade

O proceso de participación cidadá que se puxo en marcha dentro do proxecto Coruña Marítima comezou de forma moi positiva, xa que nas primeiras 48 horas recibíronse 20 propostas remitidas por entidades e cidadáns particulares.

O pasado xoves púxose en funcionamento a web www.corunamaritima.com, cun “buzón” de suxestións, e só nos dous primeiros días recibíronse as mencionadas 20 propostas. Dous delas refírense a cuestións vinculadas a administracións concretas, á marxe do ámbito da fachada portuaria, e foron remitidas a estas institucións. As restantes son na súa práctica totalidade achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.

Desde a Comisión Coruña Marítima, quérese transmitir unha mensaxe de agradecemento aos cidadáns pola súa participación, que ademais se lle está expresando por escrito a cada un deles. Con todas as suxestións realizarase un informe final, e serán ademais trasladadas ao equipo técnico que redactará o prego para convocar o concurso do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos portuarios e ferroviarios do porto interior.

Por iso, anímase aos coruñeses a seguir realizando achegas mediante o “buzón” de suxestións, para solicitar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro, sen limitacións motivadas por criterios económicos ou urbanísticos.

Este proceso participativo, que incluíu o envío das Bases Estratéxicas do proxecto a máis de 800 colectivos e a súa publicación na páxina web, continuará durante as próximas semanas co Foro Coruña Marítima e cinco talleres temáticos previos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e solicitar achegas.

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.