Os talleres temáticos de ‘Coruña Marítima’ arrancan esta semana cun primeiro debate “Economía e innovación” e outro sobre “Mobilidade e transporte"

Esta semana dan comezo os dous primeiros talleres temáticos do proceso de participación de Coruña Marítima, co obxectivo de solicitar ideas para a transformación futura do porto interior e a cidade. O primeiro celebrarase en Palexco mañá, martes 25 de marzo, ás 17:00 da tarde, con entrada libre ata completar aforo e versará sobre “Economía e Innovación”.

Ademais do público asistente, que poderá expoñer as súas opinións durante a sesión, participarán como invitados expertos da Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios, Cámara de Comercio, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e representantes dos polígonos industriais, entre outros. Pola UDC, asistirán o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, e a catedrática e investigadora da Facultade de Informática Susana Ladra.

O seguinte taller será o mércores 26 de marzo, no centro Hi Coruña, ás 17 horas, e abordará a temática “Mobilidade e transporte”. Entre outros, estarán presentes entidades como Compañía de Tranvías, Mobi-Liza, o Laboratorio de Movilidad Sostible da UDC, o Foro do Transporte e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños. 

En total son cinco os talleres temáticos previstos. Despois, os días 1, 2 e 3 de abril, tamén ás 17:00 horas, nestes casos no Palexco, terán lugar os últimos talleres, que tratarán sobre as seguintes áreas: “Equipamento e Usos” (1 de abril), “Actividade Portuaria” (2 de abril) e “Ecoloxía, Medio Ambiente, Auga e Enerxía” (3 de abril).

Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria), invítase aos cidadáns a seguir participando  neste debate, agora coa posibilidade de acudir a estes cinco talleres temáticos específicos para recabar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro.

Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, no que xa se recibiron mais de 60 propostas de todo tipo. Na súa práctica totalidade son achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.

Proceso participativo

Inicialmente, realizouse unha distribución a máis de 900 colectivos, entidades e institucións das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas e fundacións, entre outras entidades. Acompañouse dunha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resumía a situación actual do proxecto e animábase á presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.